Decíalles eu onte que don Caetano de Parada e Vázquez Varela eran amigos antes das datas da Reconquista, o que fixo máis fluida a relación deles. Don Caetano foi xefe das alarmas do Fragoso e don Francisco Xabier alcalde que lle andaba a facer a vida imposible ós franceses dentro da vila.
Vázquez Varela no ano 1789 sae fiador de Parada Pérez de Limia xunto con outro veciño da vila mariñeira boucense, D. Juan Antonio Rivera, nunha hipoteca da súa casa da Pardaíña e varias fincas, pois o precisaba para acceder ó emprego de Administrador dos Alfolíes de Vigo e Cangas. Vázquez Varela xunto co seu sogro D. Juan Antonio Fontenla realizou unha escritura de contraseguro sobre os seus bens para cubrirlle as costas, por un valor de 30.000 ducados.
Xa na andaina da reconquista, a pesar da súa avanzada idade, debeu ser moi rufo, pois sábese que foi alcalde de Bouzas dende 1814 a 1820 con enerxía. Entrevistouse con Vázquez Varela para establecer o cerco da cidade olívica, mantendo un campamento en San Gregorio, no Areal de Coia, dende mediados de marzo de 1809, e ademais moita influencia no da Parrocha, en Bembrive. Contou coa colaboración dos Xefes de Trozos dos Caudillatos, D. José González Oubiña, D. Bartolomé Costas e D. José Mª Saavedra, tendo como axudantes o párroco de Bouzas, D. José Mouriño, e a D. Francisco Rúa. Foron os encargados de atacar a porta da Falperra e logo esperaron os reforzos inimigos no Alto de Zamáns. Na súa casa fabricábanse municións para os sitiadores, e foi el mesmo quen negociou co comandante inglés da fragata “Venus” o desembarco en Bouzas dos milicianos do Morrazo.
Estas actuacións valeron para que o 14 de xuño de 1811 o Consello de Rexencia, a proposta de D. Joaquín Tenreiro, concedese a el e ós seus fillos o famoso Escudo de Honra polos esforzos na reconquista de Vigo e Tui. Ademais, o xa citado D. Vicente de Limia converteuse en Comandante Principal da Alarma do Distrito de Bouzas durante o tempo que durou a guerra. Posuía un pazo con torre no lugar de O Penedo, en Freixeiro.
Xa teño falado das inxustizas feitas coas recompensas para os heroes da Reconquista e a loita subseguinte: Tenreiro acadou títulos de nobreza; Pablo Morillo a confirmación do seu grao de coronel e máis tarde o título de conde de la Puerta (da Gamboa); os abades de Couto e de Valadares, canonxías e graos militares, etc. Don Caetano, porque Tenreiro o solicitou, só o Escudo de Honra. Merecía, supoño, a nobreza. E non digamos nada do maltrato que recibiu Cachamuiña. A envexa parece que xa andou a funcionar daquela.

Comentarios
Publicar un comentario